Sunday 05 de May de 2024

O alcalde recibiu en Caión aos praticipantes no Programa de Intercambio Xuvenil “El camino que nos une”


É a segunda fase do proxecto que permitiu a mozos laracheses visitar Venecia no pasado verán.

O alcalde, José Manuel López Varela, recibiu hoxe en Caión aos participantes no programa de intercambio xuvenil El camino que nos une, todos eles mozos procedentes de Italia, Grecia, Lituania, Portugal e Letonia. Esta visita conforma a segunda fase do proxecto no que está a participar o Concello e que posibilitou que no pasado mes de xullo rapaces laracheses viaxasen a Venecia.

Precisamente desa localidade italiana procede gran parte da expedición. Son alumnos de Il Polo Tecnico Profesionale de Venezia “Vendramin Corner”, o centro de formación profesional no que cursan estudos de diferentes materias relacionadas cos sectores marítimo, mecánico e de atención sociosanitaria.
Na Laracha visitaron varios puntos do municipio e realizaron os actos oficiais na vila de Caión, onde o alcalde lles deu a benvida no centro sociocomunitario -acompañado polo presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo- antes de proxectar un vídeo sobre o Concello e de visitar o Arquivo da Pesca.

Ademais da Laracha, durante a súa estancia de unha semana en Galicia tamén coñeceron Santiago de Compostela -incluíndo o Parlamento Galego e os Museos do Pobo Galego, Arte Contemporánea e das Peregrinacións-, un tramo do Camiño, a cidade da Coruña e os municipios de Santa Comba e de Fisterra. Mañá teñen previsto celebrar un encontro co Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.